Canto lle custarán os medicamentos co copago?
Cada persoa titular de tarxeta sanitaria en España terá un código asociado - hai dende o 001 ata o 006 - que indicará cal é o seu nivel de pagamento correspondente e permitirá aos farmacéuticos saber canto deben cobrar. Para establecer ese código cruzáronse datos entre o Instituto Nacional da Seguridade Social e Facenda para fixar que a achega sexa en función da renda, un proceso culminado o pasado 15 de xuño.
Se quere saber de forma clara canto lle custarán os medicamentos, estas son as claves:
- PENSIONISTAS:
Se é un pensionista cunha pensión non contributiva ou ten unha renda mínima de inserción, non terá que pagar nada polos seus medicamentos.
Se gaña menos de 18.000 euros ao ano, pagará un 10 por cento do prezo das medicinas, ata un máximo de 8 euros ao mes. Se gaña máis de 18.000 euros, o máximo será de 18 euros ao mes.
Só os pensionistas con rendas superiores a 100.000 euros, aboarán o 60 por cento das medicinas, ata un límite de 60 euros ao mes.
Cando se superen estes topes, a diferenza será reintegrada pola comunidade autónoma na que resida o paciente nun período máximo de seis meses, segundo o decreto.
A pregunta que está dende hai tempo no aire é como reembolsarán as comunidades o que exceda deses topes. O asunto compete ás autonomías, pero Sanidade propuxo o mércores no Consello Interterritorial que se reintegre de forma automática entre tres ou seis meses o diñeiro achegado de máis na conta corrente onde o xubilado teña domiciliada a súa pensión.
Do que se trata, segundo Sanidade, é de que o sistema de saúde aplique o criterio "máis favorable".
- TRABALLADORES
Se teñen unha renda anual inferior aos 18.000 euros, pagarán o mesmo que ata agora, o 40 por cento dos medicamentos.
Se é superior a 18.000 euros, pero inferior aos 100.000 euros, achegarán o 50 por cento, e se ingresa máis desa cantidade ao ano aboará o 60 por cento dos seus medicamentos.
A achega dos funcionarios, os militares e o persoal ao servizo da administración de xustiza será do 30 por cento.
- PARADOS
Por primeira vez, se percibe unha renda mínima de inserción ou xa non recibe ningunha prestación por desemprego, xa non terá que pagar polos medicamentos.